×

Advertencia

JUser: :_load: No se ha podido cargar al usuario con 'ID': 62
Martes, 10 Agosto 2010 08:28

Tenis de mesa en Galicia

Escrito por
Valora este artículo
(0 votos)

No ano 1918 xa se xogaba ao ping-pong en Vigo, aínda que en domicilios particulares, segundo recordaba na súa época don Manuel Sanjurjo Otero, prestixioso industrial vigués.

Non cabe dúbida de que moito tiveron que ver nesta pronta implantación en Galicia do noso deporte os funcionarios británicos do Cable inglés, entidade de comunicacións que se estableceu en Vigo a mediados de mil oitocentos e que trouxo á cidade olívica a práctica do tenis de campo.

Xa a partir de 1927 téñense noticias de competicións entre entidades que, segundo manifestacións de Pancho Rei e o portugués fincado en Vigo, Víctor Homen de Almeida -quen habería de ser anos máis tarde o cónsul perpetuo do seu país na cidade-, empezouse a practicar nos locais que dispuña o Real Club Náutico no edificio do Gran Hotel, situado na rúa Policarpo Sanz asomando á praza da Porta do Sol. Neste mesmo ano celebrouse un partido internacional amigable entre o Académico Fútbol Clube do Porto e o Real Club Náutico de Vigo, vencendo os lusitanos por 5-0, quen aliñaron a Mario Duarte, Nuno Cardono e Víctor Homen de Almeida, facéndoo polos vigueses Owen, Mayers e Rodrigo Alonso, o que fai supor que os dous primeiros eran ingleses fincados en Vigo e moi probablemente funcionarios do Cable Inglés.

Dous anos despois celebrouse un encontro entre os equipos do Cable Inglés e o Real Club Náutico, única sociedade na que, por entón, practicábase o tenis de mesa, destacando xogadores como Fernando de Feixe (posteriormente promotor das Federacións Galegas de Tenis e Tenis de Mesa), Telis da Riva, Camilo Molins, Pancho Rei, Fefecho Bárcena, etc.

Foi precisamente no Real Club Náutico onde se celebrou en 1931 o primeiro campionato de Vigo en damas e cabaleiros, gañándoo en mulleres Mariña Conde, e en homes Pancho Rei.

A Federación Galega creouse en Vigo en 1943 a instancias de Fernando de Feixe. O seu primeiro presidente foi Fernando Molins, sucedéndolle ao ano seguinte Quintín Alonso Gil, quen traduciu ao español o Regulamento do Tenis de Mesa Francés. Os primeiros campionatos oficiais de Vigo celebráronse no Club de Campo, sendo campión Segundo Puga.

En 1946 accede á presidencia federativa Pedro Fernández do Pazo e organiza por primeira vez os Campionatos Galegos, en Vigo, conquistando o título individual Segundo Puga. En 1947 dispútanse os Campionatos Galegos na Coruña, con Arturo Gonzáles como gandos individual. En 1948 proclámase campión Víctor García, do Náutico de Vigo. En 1950 aparece Afonso Cabanelas, gañando a final do Galego a Víctor García, revalidando ano tras ano en cordón de Campión, as máis das veces con Monge como finalista. Este derrotaría a Cabanelas nos anos 56 e 60.

En 1957 é nomeado presidente Vicente Fernández Rodríguez, quen sucede a Antonio Freire Costas. Dous anos máis tarde faise cargo da presidencia Federativa Galega Arturo González Meira. En 1961, por disposición superior, desaparecen as Federacións Rexionais e xorden as Provinciais. Este ano celébranse os Campionatos Galegos na Coruña coa participación de xogadores coruñeses e vigueses, copando estes últimos todos os títulos e o individual unha vez máis Cabanelas. En 1971 por primeira vez un galego, o vigués José Moredo, alcanza a intencionalidade absoluta en dúas ocasións.

A Federación Galega volveu a reconstituirse no ano 1989, baixo a presidencia de Eugenio Monge Lozano, respondendo ao novo organigrama Federativo Nacional.

Vigo foi a cidade, logo de Madrid e Barcelona, que primeiro organizou un Campionato de España (1953), o que repetiu en 1964 e 1978. En Vigo disputouse tamén o primeiro Campionato de España Xuvenil (1964), a Copa Ibérica (1996) e o Campionato de España de Veteranos (1997), ademais do partido Internacional Absoluto España-Iugoslavia (1999) e agora o amigable España-Portugal (2000). Un vigués, Enrique Branco Fernández foi elixido presidente da Federación Española en 1981, logo dunha longa hexemonía catalá no cargo, intercalada co madrileño Carlos Spinelli. Dous Campionatos de España de Xuvenís desenvolvéronse na Coruña (1973) e Ferrol (1988) e outro de Veteranos en Cambados (1993). Tamén se celebrou en Narón o Campionato de España Absoluto no ano 1991, así como en Ortigueira un Torneo Nacional Infantil-Xuvenil e en Ferrol o Torneo Nacional Alevín, Infantil, Xuvenil e Sub-21 deste último ano. Así mesmo constituíuse en Vigo a Confederación Iberoamericana de Tenis de Mesa (1981) celebrándose os primeiros xogos no Círculo Mercantil con doce nacións participantes.

Leer 12598 veces Modificado por última vez en Lunes, 25 Junio 2012 18:41

Más en esta categoría: Orixes do tenis de mesa »

Logo

cidade_naron150